Friday 29 de March de 2024

Moeche asina con Cerdido o convenio para conectar o novo abastecemento Loureiro-Os Acivros-A Casatellada


Hai tan só uns días que o Concello de Moeche adxudicou provisionalmente en algo máis de 33.400 euros -IVE incluído- as obras de ampliación da rede de abastecemento municipal aos núcleos de Loureiro, A Casatellada e Os Acivros, na parroquia de Santa Cruz. Os traballos, que se financian con cargo ao POS+ Adicional da Deputación, teñen un prazo de execución de tres meses e deles encargarase a empresa BCNOR Gestión y soluciones avanzadas S.L. Porén, un detalle importante deste proxecto é de onde se sacará a auga e, neste sentido, o Concello acaba de asinar un convenio de colaboración para conectar o novo ramal coa condución xeral do Concello de Cerdido que discorre por esa zona.

O acordo, subscrito por Beatriz Bascoy e o rexedor veciño, Benigno Galego, establece que Moeche poderá subministrar desde o abastecemento de Cerdido as vivendas de Santa Cruz situadas nos lugares de Loureiro -xusto no límite entre os dous municipios-, os Acivros e a Casatellada, este último a escasos 800 metros da estrada autonómica AC-110 que vai á Barqueira.

Moeche correrá cos custos de conectar o ramal á infraestrutura de Cerdido e despois, unha vez estea operativo, tamén asumirá a taxa que corresponda dependendo do consumo xeral. Malia que a rede se alimentará dese colector, quen lle prestará o servizo á veciñanza será o Concello de Moeche e, chegado o momento, será a el a quen haberá que solicitarlle o enganche e pagarlle os recibos.

O acordo nace para solventar o abastecemento dunha zona concreta, pero o seu contido xa incorpora unha cláusula de reciprocidade por se no futuro algún lugar de Cerdido precisase abastecerse da rede modestina. “No convenio que acabamos de asinar quixemos expresar o noso compromiso de que, se o precisa ou lle é máis viable, Cerdido poida conectar á nosa rede núcleos que queden preto dela. Algo que ten toda a lóxica, sendo os dous concellos pequenos que debemos mirar de colaborar no que poidamos para ampliar servizos aforrando custos”.

Servizo para unha ducia de vivendas
A nova rede arrancará no lugar do Loureiro, cruzará a estrada comarcal e seguirá camiño abaixo pola beira da pista até a Casatellada, estendendo nese percorrido dous ramais que acheguen a subministración de auga tanto a un punto do Loureiro como ao núcleo dos Acivros, separados varios metros do eixo principal, ademais de cubrir as necesidades das vivendas situadas ao carón das novas conducións. En total poderán conectarse a ducia de vivendas que así o desexen -o abastecemento é voluntario- e tamén as que poidan construírse no futuro, aínda que nese caso Moeche deberá comunicarllo previamente a Cerdido.

O groso dos traballos que comezarán en breve consistirá no soterrado das canalizacións de polietileno de alta densidade, xa que haberá que facer unha gabia principal de 825 metros e as dúas que aloxarán os ramais do Loureiro e os Acivros, de 155 e 150 metros respectivamente. Nese entramado están planificados 12 pozos de rexistro en cemento dotados con chaves de paso que permitan segmentar o fluxo de auga no caso de avarías ou se fose necesario retirar sedimentos.

Neste sentido, e de cara a facer unha xestión máis eficiente da auga, a rede de conducións levará incorporado un contador especial para detectar consumos máis elevados do normal, que adoitan ser sinal inequívoco fugas nalgún punto. Ademais, ese contador será o que dea a lectura xeral para aboarlle a Cerdido o importe correspondente.

Unha vez adxudicadas as obras, o Concello agarda que poidan comezar no prazo máis breve posible. O investimento total é de 33.463,53€ -IVE incluído- sufragado con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña.